5.1.07


Deserto de Almería

1986

BSO: Hair/ The Downing of the Age of Aquarius



Trix rí coma unha fiestra aberta, coma se un sol enchese o seu peito alemán de tonos cálidos e vibrantes. Trix rí en branco e mira en verde, e eu pregúntome qué.

O mar fala coa area e o vento pasa

-"Onde vas, vento?"

Trix é a primeira rapaza que vexo cun ariño no nariz. Ando fascinado. Engaiolado. Antonte á noite deitouse conmigo a carón dun lume esmorecido e abriu -ziiiiiiiiip- a cremalleira do saco, sorrindo con pecas. Eu traguei saliva e tentei axitadamente adiviñarlle os desexos ás apalpadas, querendo escribir un guión sen sequera saberme o abecedario. Ela paroume, entre decepcionada e maternal, apartando as miñas mans con suavidade. Sen opción á reválida. -ziiiiiiiiiiiip-

Onte fixo noite no camión dos franceses bigotudos que tocan o laúd, mentres eu botaba ao lume fiumes e vergoña maldecindo a miña condición de proto-home, de home a piques . Trix é a primeira muller que escoito follar con franceses bigotudos que tocan o laúd; e hoxe rí.

-"you know, they really made me feel like a woman"

Non me digas iso, walkiria de nariz furado, que ainda non o sei dixerir.

Ralph faloume de sentar nas rochas do solpor e preguntarse quenes haberá trala montaña.

-"Why don´t you simply go there Ralph? It´s quite near!"-

_"Oh, forget it, I was just guessing..."-

Bañámonos espidos polo serán, nun mediterráneo de terciopelo acolledor e poeta. Este mar con tinta salgada debuxa liberdade no meu corpo de mozo. En cada centímetro de pel. Indeleble.

Antonio é mexicano, e non pode falar con ninguén, está castigado con aillamento por algún asunto disciplinario que ninguén me conta. Nun ollo agocha un proxecto, e no outro unha fonda tristura. Tamén está Jo, miudiña e tremorenta, que me explica o que é unha regresión, e cómo nunha desas levantou literalmente a tapa dos sesos pra se curar. Eu véndoa diría que non funcionou. Tolos hai tristes e alegres. Jo está triste. Charlie é o único de toda a comunidade que ten permitido fumar e beber alcohol que non proveña de uva. Ten un casetiño minúsculo de madeira onde bota o día metendo whisky e tallando os seus pesadelos en madeira. Charlie só quere paz, a que lle falta dentro. Estivo na guerra do Vietnam e voltou fodido, supoño que por ter fodido a outros. Ensinoume que unha Opinel do 7 é a mellor ferramenta pra traballar madeira, e dende aquela sempre teño unha. Fai que o buxo pareza manteiga.

Ralph, Antonio, Jo e Charlie, xunto con outras corenta ou cincuenta persoas, andan a disfrutar dos seus últimos meses na Terra, convencidos coma están (Charlie non tanto) de que nestes próximos tres anos virá a Fin do Mundo . Concluiron isto tras estudiar concienzudamente, disciplinadamente, durante anos, unhas Escrituras inmensas e apócrifas que manexan con veneración. Decidiron que, ante a inminencia do acontecemento, se suspenderan tódalas actividades que non estivesen vinculadas co estudio das Escrituras inmensas e apócrifas (que tratan con veneración). Non sei por qué insisten en tentar convencerme de que durma no cortijo do alto. Non o vou facer, non me fío desta xente. Subo á noite a cear alí con eles porque poñen viño, e eu emborráchome. Eles minten cando me contan cos ollos moi abertos que alí os fillos críanse en comunidade, que non son de parellas concretas....que non hai pais e nais nun senso familiar. Só biolóxico. Já! Tralas ceas sempre baixo ó oasis dando traspés polo fío branco de grava e lúa. Na loma de enfrente as parellas inexistentes buscan acomodo, os cachorros asaetan as teorías acurrucados en quen lles ama e as familias que non son, na noite, son.

Derogouse o dereito ao sexo libre e plural: non vai haber planeta pros fillos. Chego tarde. (merda).

O Brotherhood é unha secta/comunidade relixiosa ianki. Marcharon de aló por problemas coa xustiza, que non permite ter @s nen@s fóra da escola. Nunca cheguei a entender cómo se financian. Botaron un tempo en Israel e agora andan por aquí, coas súas longas barbas e as súas Escrituras a costas. E a peli do musical Hair, que parece ser a única que teñen e que tódolos venres voltan a ver coma se fose a primeira vez, todos reunidos nun patio interior do cortijo. Viven nun oasis de palmeiras e pitas que desemboca nunha praia pedregosa, non lonxe dun pobiño branco e diminuto: Isleta del Moro. Teñen un grupo de rock suave e psicodélico co que tocan, cando lles deixan, en prisións. Os presos agradécenno de verdade. Pola noite, mentres Pat e unha cúpula de queridas (falan de hermandade, mais o escalafón está á vista) fican no cortijo a maioría durme espallada polo oasis, baixo efímeros cobertizos de palma, tendas canadienses ou simplemente, coma min, baixo as estrelas. Aquí as estrelas non brilan: resplandecen.

Xaneiro segue a ser vida en pelotas e baños nun mar benigno, cabanas de Robinson Crusoe e xente do Norte: travellers coas vidas transportadas en camións redondeados e con chimenea. Pedras pintadas, racimos de dátiles (tantos días único alimento), hippis desterrados e pitas, perfectas pra fabricar yembés que tocar ó redor dos lumes que, nas noites, fan do oasis unha constelación íntima.

A costa almeriense entre Cabo de Gata e Mojácar é un paraíso que temos ahí mesmo, mais isto é mellor que non se saiba.

No hay comentarios: